Día Mundial do Alzheimer 2023: Integrando a innovación
Hoxe, 21 de setembro, conmemórase o Día Mundial do Alzheimer, evento instituido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e auspiciado por Alzheimer’s Disease Internacional (ADI) en 1994.
LEMA PROMOCIONAL DO DÍA MUNDIAL DO ALZHEIMER
Baixo o lema “Integrando a Innovación”, a Confederación Española de Alzheimer expón as súas reivindicacións e propostas con motivo deste día.
A Confederación quere centrar a súa atención nunha das cuestións que considera prioritarias, pero, á vez, máis complexas de poñer encima da mesa: a innovación.
O eixo central destas reivindicacións e propostas céntrase en diversos ámbitos identificados de innovación: Innovación e novos paradigmas de investigación, Innovación e Terapias non Farmacolóxicas, Innovación e modelo asociativo, Innovación e concienciación social, Innovación e o involucramento das persoas, Innovación e a integración tecnoloxías… entre outras.
Ademais, co Mes Mundial do Alzheimer, campaña organizada pola Xunta de Galicia, preténdese concienciar sobre a demencia e facer fronte ao estigma que carrexa. O tema central da campaña deste ano, “Nunca é demasiado pronto. Nunca é demasiado tarde“, está centrado nos factores de risco e no papel fundamental que desempeña a súa redución para evitar, atrasar ou mesmo previr estas patoloxías neurodegenerativas. Cada ano, as asociacións de Alzheimer e de demencia, así como todas as persoas que participan no tratamento, a atención e o apoio aos pacientes, unen as súas forzas en todo o mundo para organizar actos de concienciación e información, co propósito de promover unha mellor comprensión da enfermidade que sirva para reducir o impacto da demencia nas persoas, as familias e a sociedade no seu conxunto.
A Biblioteca Ánxel Casal en Santiago de Compostela participa nesta conmemoración presentado unha selección de libros de narrativa, cómics, libros informativos e películas sobre o Alzheimer/Alzheimer que atoparedes para a súa consulta e préstamo no segudo piso. A mostra pode visitarse durante o horario de apertura da biblioteca. Se estás en Santiago de Compostela ou preto, animámoste a visitala!