Coidados intermedios: un servizo público de interese para Galicia
A Xunta de Galicia abrirá a principios do vindeiro ano o primeiro centro de coidados intermedios público no Cegadi. Atenderase a persoas coa alta hospitalaria que precisen de axuda e rehabilitación para completar a súa recuperación antes de regresar ás súas casas ou centros residenciais. Neste sentido, este servizo funcionará a modo de ponte entre a atención sanitaria e social.
Este novo recurso contará con 60 prazas de atención agrupadas en 4 unidades de convivencia para un máximo de 15 persoas cada unha delas.
Ademais deste recurso no Cegadi, o Goberno galego abrirá un segundo centro destas características no antigo hospital do Rebullón, en Mos.
Estes centros de coidados intermedios públicos forman parte do novo modelo de coidados de Galicia, que ten entre un dos seus eixes fundamentais unha maior coordinación dos ámbitos social e sanitario. Os servizos innovadores de atención socio-sanitaria fóra do hospital poden axudar a fomentar a autonomía da persoa, así como o uso máis eficaz dos recursos da atención primaria.