Suxerencias para minimizar o risco de caídas de persoas maiores na casa

Suxerencias para minimizar o risco de caídas de persoas maiores na casa

Unha recente revisión científica apunta que poñer varandas, colocar bandas deslizantes e reducir a desorde e os perigos de tropezar na vivenda poden evitar unha de cada catro caídas

As caídas e as lesións relacionadas con elas son frecuentes en persoas maiores. Un terzo das persoas con 65 e máis anos que viven na comunidade caen cada ano. As caídas poden ter consecuencias graves, incluída a restrición da actividade ou a institucionalización.

As intervencións ambientais na prevención de caídas son moi importantes e refiren a accións relacionadas coa redución dos riscos de caídas, a tecnoloxía de apoio, as modificacións domiciliarias e a educación.

Por que é importante ter en conta os riscos ambientais nun programa de prevención de caídas?

As caídas son frecuentes e poden ser mortais, pero pódense previr. A maioría das caídas prodúcense no fogar, e máis do 30% de todas elas están causadas por riscos ambientais. Os programas de eliminación de riscos ambientais de caídas son intervencións realizadas por profesionais que identifican e eliminan os riscos ambientais de caídas.

Á hora de pescudar que inflúe na prevención das caídas, a revisión científica tivo en conta programas que se centraban en eliminar os riscos de caídas no fogar e os seus arredores; proporcionar dispositivos de asistencia, como lentes actualizadas ou calzado especial; proporcionaban formación sobre o risco de caídas relacionado coa contorna; e centrarse nas modificacións do fogar para permitir a independencia e a realización das tarefas cotiás no fogar.