Repercusións da COVID-19 no coidado familiar de persoas maiores e dependentes

Repercusións da COVID-19 no coidado familiar de persoas maiores e dependentes

O coidado social é un dos grandes esquecidos dentro da actual situación de pandemia, a pesar do impacto maior sobre as familias e a pouca presenza pública. Nesta liña, a catedrática de Antropoloxía Social Dolors Comas indica que debemos reflexionar sobre a necesidade de cambios no modelo de atención á dependencia.

 

A organización social do coidado a persoas maiores e dependentes xa era fráxil de seu, pero a emerxencia pola COVID-19 púxoo aínda máis de manifesto. A falta de datos específicos e a desatención dun sector que xa era vulnerable fixo que un equipo multidisciplinar de dez universidades españolas lideradas pola Universitat Rovira i Virgili (URV), en no que participa a Universidade da Coruña, comece un estudo para analizar as repercusións no coidado familiar de persoas maiores e con dependencia así como propor modificacións para implementar por mor desta crise. O estudo leva por título “O coidado importa. Impacto de xénero nos e as coidadoras de maiores e dependentes en tempos da Covid-19”.

O impacto do proxecto oriéntase a 1) Facer un diagnóstico da crise sanitaria no coidado de maiores e persoas con dependencia 2) Facer propostas para facer fronte ás necesidades de maior urxencia social entre as traballadoras/es do coidado e 3) Xerar directrices para planificar a saída da crise con perspectiva de xénero, dando visibilidade á importancia do coidado social, activando as prestacións e servizos que son imprescindibles para coidar e dignificando a situación as traballadoras/es do coidado.

Esta perspectiva de xénero contextualízase no dato de que, en España, máis do 75% das persoas que prestan coidados a persoas con dependencia son mulleres. A crise xerada pola COVID-19 situou aos coidados no centro e ás mulleres na primeira liña de resposta á enfermidade.