Vacinacións COVID

Vacinacións COVID

¿Debe a sociedade maximizar os futuros tratamentos de vacinación tendo en conta o envellecemento e a fraxilidade?

Sara Palermo, investigadora da Universidade de Turín (Italia) e asesora da Asociación Europea de Innovación sobre o Envellecemento Activo e Saúdable (Bruselas, Bélxica) realizou recentemente un estudio¹ no que observa que a pandemia COVID-19 está a demostrar ser un multiplicador das desigualdades especialmente cara á poboación anciá.

O envellecemento da poboación e a cronicidade son unha cuestión que debe ser abordada. As persoas de máis de 60 anos, e especialmente as de máis de 80, son particularmente vulnerables ás infeccións graves ou mortais. Ademais, a desregulación do sistema inmunolóxico relacionada coa idade nas persoas anciás dá lugar a respostas máis deficientes á vacinación.

A fraxilidade é a expresión máis desafiante do envellecemento da poboación, con importantes consecuencias para a saúde pública e a práctica clínica.

A fraxilidade física é un indicador de saúde eficaz e xa se demostrou anteriormente para predicir a resposta á vacina contra a gripe estacional. Estas conclusións suxiren que a avaliación da fraxilidade nas persoas anciás pode identificar a aquelas que teñen menos probabilidades de responder á inmunización e corren un maior risco de contraer a COVID-19 e as súas complicacións.

Ademais, a fraxilidade cognitiva e os trastornos neurocognitivos, a saúde mental e a menor conciencia da enfermidade repercuten negativamente no cumprimento dos complexos réximes de medicación das persoas doentes de idade avanzada.

Palermo sinala tamén que a vacinación das persoas con 65 e máis anos será esencial para ter menos persoas hospitalizadas polas complicacións derivadas do virus e para evitar eficazmente a transmisión da COVID-19. Aínda así, as vacinas que se están a deseñar actualmente non declaran ser as máis eficaces para as persoas que máis o necesitan: os adultos máis vellos. A investigadora propón ter en conta o concepto de “fraxilidade” nas persoas maiores e apunta á vacinación como tratamento que contribuirá á mellora da saúde individual do grupo de persoas con 65 e máis anos, así como á sostenibilidade do sistema socio-sanitario.

Conclúe que as vacinas teñen que ser consideradas unha intervención fundamental dende o punto de vista médico, social e económico. Con este obxectivo, existen

algunhas liñas de investigación prometedoras que investigan poder mellorar a eficacia e efectividade das vacinas nas persas maiores.

A pandemia derivada da COVID-19 trouxo consigo a oportunidade de repensar estratexias aplicadas á lonxevidade, á interacción coa fraxilidade como síndrome e a promover a atención centrada na persoa.

Sinalar por último que a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) aplaude a campaña de vacinación que se vai a realizar en Galicia e valoran de forma moi positiva que se tivo en conta a un dos colectivos máis vulnerables fronte a este virus, que son as persoas maiores que viven en residencias, así como as persoas profesionais dos centros.

Desde a SGXX recalcan a importancia de que as persoas que están en atención directa con persoas maiores se vacinen. Apelan ao compromiso ético no caso das persoas profesionais, xa que están en contacto diario cun colectivo de risco. Doutra banda, sinalan que as persoas maiores que viven nas súas casas e van a centros de día ou centros sociais deberían ser o segundo grupo ao que se vacinase.

Os xeriatras e xerontólogos tamén afirman que é a vacina máis segura e efectiva de todas as que existen.

¹ Palermo S. COVID-19 Pandemic: Maximizing Future Vaccination Treatments Considering Aging and Frailty. Front Med (Lausanne). 2020; 7: 558835. Published online 2020 Sep 18. doi: 10.3389/fmed.2020.558835