A síndrome da persoa coidadora queimada

A síndrome da persoa coidadora queimada

A Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía define esta síndrome (tamén coñecida coa súa denominación anglosaxoa “burnout”), como a resposta inadecuada a unha tensión emocional crónica cuxos trazos principais son un esgotamento físico e/ou psicolóxico, unha actitude fría e despersonalizada na relación cos demais e un sentimento de inadecuación ás tarefas que ten que realizar e, por tanto, de culpabilidade.

Esta síndrome ocorre con frecuencia nas persoas coidadoras de persoas con dependencia debido a que o contacto coas persoas e os seus problemas (o estado de dependencia, padecemento dunha enfermidade, morte, problemas de personalidade, agresividade, deterioración, etc.) é constante e directo, o cal produce en maior ou menor grao un desgaste emocional.

Sinais de burnout na persoa coidadora

Os/as coidadores/as poden chegar a estar tan concentrados/as no seu ser querido que non se dan conta de que a súa propia saúde e benestar estanse a prexudicar.

Signos de tensión derivada do coidado¹:

  • Sentirse atafegado/a ou constantemente preocupado/a.
  • Sentirse cansado/a moi a miúdo.
  • Durmir demasiado ou non durmir o suficiente.
  • Gañar ou perder peso.
  • Irritarse ou enfadarse con facilidade.
  • Perder o interese nas actividades que adoitaba gozar.
  • Sentirse triste.
  • Ter dores de cabeza frecuentes, dor corporal ou outros problemas físicos.
  • Abuso de alcol ou drogas, incluíndo medicamentos de prescrición.

 

Síndrome da persoa coidadora queimada vs. fatiga por compaixón²

A diferenza da síndrome de burnout, a fatiga por compaixón é un trastorno de tensión traumática secundario que resulta da exposición á(s) experiencia(s) traumática(s) doutra persoa e crea altos niveis de tensión emocional. Non é de estrañar que as persoas coidadoras familiares sexan susceptibles a este risco laboral: poida que non estean a administrar coidados de enfermería especializados de alto nivel, pero seguen coidando a alguén con angustia emocional e física con opcións limitadas para proporcionarlle comodidade. Aínda que hai moitas similitudes entre os/as profesionais dos traballos de alta tensión e as persoas coidadoras familiares, estas últimas non gozan das mesmas medidas preventivas que ofrecen moitos/as empregadores/as, como días de asuntos propios, apoio de pares e asesoramento profesional. A renuncia ás pausas, ao descanso e ao apoio significativo súmanse, afectando a calidade de vida xeral da persoa.

A fatiga por compaixón tamén difire do burnout en que fai que os coidadores experimenten un sentido debilitado de empatía polas persoas ao seu cargo. Esta é unha distinción importante porque a maioría dos coidadores da familia asumen o seu papel por amor: coidan dos seus familiares e mesmo das súas amizades, o que fai que se involucren emocionalmente deixándoos especialmente vulnerables; a diferenza do persoal de enfermería e traballo social.

Estratexias para facer fronte á tensión derivada do coidado

As esixencias emocionais e físicas que comporta o coidado dunha persoa poden poñer a proba mesmo á persoa máis resistente. Por iso, é importante aproveitar os recursos e ferramentas dispoñibles para axudarlle a coidar do seu ser querido. Lembre: Si non se coida a si mesmo, non poderá coidar a ninguén máis.

Algunhas estratexias para axudar a controlar a tensión derivada tanto do burnout como da fatiga por compaixón son¹:

  • Acepte a axuda. Prepárese unha lista coas formas en que outras persoas poderían axudarlle e deixe que a persoa que lle pode axudar elixa o que lle gustaría facer. Por exemplo, un amigo pode ofrecerse a levar á persoa que vostede coida a dar un paseo un par de veces á semana. Ou un amigo ou un membro da familia pode facer un recado, recoller a compra ou cociñar para vostede.
  • Concéntrese no que vostede pode proporcionar. É normal sentirse culpable ás veces, pero comprenda que ninguén é un coidador/a perfecto/a. Sexa consciente de que o está facendo o mellor que pode e tomando as mellores decisións que pode nun momento dado.
  • Estableza metas realistas. Divida as tarefas grandes en pasos máis pequenos. Priorice, faga listas e estableza unha rutina diaria. Comeza a dicir non ás peticións que son esgotadoras, como a de organizar comidas para as festas.
  • Pescude acerca dos recursos de apoio ao coidado na súa comunidade. Moitas comunidades teñen clases especificamente sobre a enfermidade que o seuser querido está a enfrontar. É posible tamén que haxa servizos de coidado como centros de día, grupos de apoio ou apoio nas tarefas domésticas.
  • Únase a un grupo de apoio. Un grupo de apoio pode brindar validación e alento, así como estratexias de resolución de problemas para situacións difíciles. As persoas dos grupos de apoio entenden polo que vostede pode estar a pasar. Un grupo de apoio tamén pode ser un bo lugar para crear amizades significativas.
  • Busque apoio social. Faga un esforzo por manterse ben conectado/a con a familia e os amigos que poden ofrecer apoio emocional sen xulgar. Dedique un tempo cada semana para conectarse, mesmo si é só un paseo cun amigo.
  • Estableza metas persoais de saúde. Por exemplo, estableza metas para establecer unha boa rutina de soño, atope tempo para estar fisicamente activo a maioría dos días da semana, coma unha dieta saudable e beba moita auga.
  • Consulte ao seu médico/a. Póñase as vacinas e os exames recomendados. Asegúrese de dicirlle ao seu médico/a que vostede é unha persoa coidadora. Non dubide en mencionar calquera preocupación ou síntoma que teña. Moitas persoas coidadoras teñen problemas para durmir. Non durmir ben durante un longo período de tempo pode causar problemas de saúde.
¹Disponible en https://www.mayoclinic.org/healthy-lifestyle/stress-management/in-depth/caregiver-stress/art-20044784
²Disponible en https://www.researchgate.net/publication/232476002_Measuring_compassion_satisfaction_as_well_as_fatigue_Developmental_history_of_the_Compassion_Satisfaction_and_Fatigue_Test